Mentes Fascinantes: Explorando Persoaxes e lugares interesantes
MARUXAINA
Conta a lenda da Maruxaina que esta serea ou Nereida vive dende tempos inmemoriais nas illas Farillós, alí onde o Cantábrico rompe a súa forza sobre as rochas planas e desafiante do seu poder. Esta ninfa mariña atópase xirando no alto da Illa da Sombra, vixiando o mar e os mariñeiros na súa vida cotiá; aínda que se comentan as súas intencións, sendo este o motivo de amarga polémica entre os mareantes da vila, xa que mentres uns pensan que lles avisa da tormenta, outros aseguran que canta para seducilos e encallalos. Nesta discusión, os distintos bandos utilizan diversas características para tentar impoñer as súas versións. Así, para os defensores da súa bondade, trátase dunha serea con rostro de vella, sabia e intelixente coma ningunha e sempre disposta a salvar aos mariñeiros das gadoupas do mar bravo. Para os seus detractores máis teimudos, entre elas as nais das mulleres da vila, A Maruxaina é unha muller nova, de cabelos loiros e longos, dotada dunha beleza singular e dunha voz prodixiosa, máxica e enfeitizadora, que utiliza para, nun acción pérfida, atraer mariñeiros á súa casa submarina e poder gozar alí da súa compañía. Esta artimaña mortal é froito da envexa da serea pola felicidade das mulleres dos mariñeiros, que as teñen ao seu carón durante o duro inverno, gozando da súa atención.